Este xuño, era homenaxeado durante o acto de presentación do ‘Manifesto da Economía Social’ en Santiago de Compostela. Como se sentiu ao recibir por parte da familia da economía social este recoñecemento?
Sentinme ben porque calquera recoñecemento senta ben. Pero neste recoñecemento hai moita xente; na economía social, máis que en ningunha outra cousa, non hai nada persoal, é todo comunidade e planificación conxunta.
Leva toda unha vida no cooperativismo, podería contarnos como chegou a el?
O primeiro contacto que tiven co cooperativismo, e por tanto coa economía social, foi na miña época de estudante na zona de Negreira. Nese momento, dentro do clero, sobre todo nas parroquias, existía unha importante preocupación por transformar e mellorar o medio rural. Unha situación que se daba como consecuencia do Concilio Vaticano II no que se falaba de renovación, de poñerse ao día e ser coherentes coa doutrina da Igrexa para servir e axudar ás persoas que o estaban pasando mal. Desde a Igrexa católica chegábanos esta motivación para iniciarnos nunha nova dimensión da caridade. É nese momento cando nace a Cáritas Interparroquial de Negreira coa idea de facer algo pola nosa xente. Entón a economía rural era de subsistencia pura e dura. Iso está moi gravado en min, impactoume moito. Na cidade a xente vivía doutra forma, había máis medios, pero no rural, a vida era difícil.
De que ano estamos a falar?
Entre o 65 e o 66. Aí é onde se inicia todo isto e eu empezo, realmente, a vivir o que era a economía social, aínda que non lle chamásemos así. Queriamos facer algo no sector agrogandeiro, xa que era o medio de vida que tiña a xente daquela época.
Este movemento rural estaba situado no suroeste da provincia da Coruña: Negreira, A Baña, Mazaricos, Santa Comba, Val do Dubra, Muxía, Cee, Vimianzo. A base eran sempre as parroquias, aínda que despois foise universalizando e empezaron a participar tamén os concellos. Aí nace Feiraco, a Cooperativa Forraxeira de Negreira. Esta foi a primeira gran acción de Cáritas Interparroquial que nese momento pasa a ser o Centro de Desenvolvemento Comunitario de Negreira. Por que este cambio? Para separar a Igrexa deste movemento e que non se vise como eclesial, senón laico. Isto para min foi algo excepcionalmente positivo, a Igrexa, co poder que tiña, renunciaba a ese privilexio en favor de facelo máis humano, máis próximo, máis de todos.
Neste contexto, a figura de Jesús García Calvo foi moi importante.
Jesús García Calvo foi o primeiro presidente de Cáritas Interparroquial de Negreira. Natural de Negreira e rexistrador da propiedade de profesión. Tiña unha gran preocupación social; era un verdadeiro líder da economía social. Os curas escollérono para ser o primeiro presidente de Cáritas Interparroquial de Negreira e logo dirixe esa transformación social a través da Cooperativa Forraxeira de Negreira. De aí vén o nome de Feiraco, “f” de forraxeira, “eira” como acrónimo de Negreira e “co” de cooperativa.
Jesús García apoiouse moito na cultura eclesial. Primeiro no Centro de Desenvolvemento Comunitario de Negreira e despois dentro da cooperativa, as parroquias tiveron unha presenza moi importante. E é que o movemento cooperativo que nace de Feiraco con Jesús García Calvo tampouco nace del, senón que parte do movemento cooperativo das parroquias. Por exemplo, na miña casa comercializábanse os tenreiros en conxunto, desde esas cooperativas interparroquiais. Tamén se compraban sementes, porcos para cebar e, con posterioridade, vacas leiteiras.
Podemos dicir que vostede vivía no lugar adecuado no momento adecuado.
Si e cunha inquietude que me veu da parroquia porque tiña un cura moi implicado, moi comprometido.
Gran parte da súa experiencia no cooperativismo está ligada a Feiraco.
Son socio fundador da cooperativa e sempre estiven moi implicado nela pola proximidade que tiven con Jesús García Calvo, ao que consideraba un amigo. Aí houbo unha cambio de rumbo na miña vida, fun a Sudamérica. Estiven alí 18 anos, coincidindo co momento de expansión da cooperativa. Sempre que viña de vacacións contactaba coa cooperativa e cando volvín de forma definitiva, García Calvo convidoume a participar, a colaborar dunha forma inicialmente altruísta.
Ocorréuseme, vista a dimensión que xa tiña a cooperativa, crear unha revista para divulgar temas relacionados co cooperativismo ou o desenvolvemento rural. Fundei a revista Feiraco, que acabou de publicarse no 2010. Hoxe a cooperativa CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas nace da unión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto) usa outros medios para comunicarse.
Feiraco creceu moito desde os seus inicios, pero é máis que unha empresa pola súa implicación a nivel social, como ben comentaba vostede, logrando un gran impacto en Negreira e toda a súa contorna.
A cooperativa foi un trampolín para outras moitas cousas. Unha delas foi a aposta que se fixo pola formación dos gandeiros, dedicándolle moito tempo, enerxías e recursos. Foise avanzando na idea de que eles son os artífices do seu desenvolvemento. Os propios socios sentíronse implicados ao participar nas decisións, a planificación. A explotación era de cada un, pero, de rebote, foi repercutindo en toda a comarca desde un sentido moi amplo.
Despois veu o da marca, o primeiro que fai Feiraco é recoller o leite e vendela, pero enseguida damos o paso seguinte que foi transformar o leite.
A primeira actividade de Feiraco foi forraxeira, “a fábrica de penso” chamáballe a xente. Produciuse un mellor alimento, ben controlado na produción, coa idea de facer un penso adaptado á situación de cada vaca. Posteriormente, Feiraco empezou a recoller o leite e a vendela e enseguida damos o paso seguinte: transformala. Cando empezamos a recoller o leite, transformabámola, a metíamos en bolsas e era un leite pasteurizado que non duraba máis que un par de días. O envasado en tetrabrik foi un impulso importante para a cooperativa porque nos permitiu saír co leite fóra das nosas fronteiras, ao durar máis tempo.
Outra idea que tiñamos en Feiraco era coller as materias primas que producían os socios (trigo, avea, centeo) e transformalas dentro da cooperativa para enriquecelas. Pero nunca se puido levar a cabo ao non ter alimentos suficientes e rexistrar unha alta demanda de penso desde o principio, mesmo de gandeiros que non eran socios. Entón apostouse pola importación de materias primas. Ademais, naqueles anos empezaron a aparecer outros sistemas de forraxes para alimentación do gando, como o millo ensilado, un produto de alimentación animal excepcional, isto xa se estaba facendo en Europa. Nós copiámolo inmediatamente e houbo un cambio moi importante. A vantaxe de Feiraco foi a adaptación de grandes cambios na alimentación do gando.
O cooperativismo en Galicia está moi vinculado ao agro, pero nos últimos anos, e máis desde a súa posición, vería como o cooperativismo foi crecendo e sobre todo diversificándose, aparecendo propostas de cooperativas en sectores nos que habitualmente non había.
De feito, no nacemento do cooperativismo, os Pioneiros de Rochdale non eran precisamente do campo, eran os traballadores da industria. O agro recibiuno moi ben porque todos eran moi dependentes uns doutros, dentro do agro xa había moito cooperativismo encuberto, a xente cooperaba cando había que segar, moer. As famosas mallas eran de participación cidadá, as eras eran comúns e moitos hórreos compartidos.
Nos últimos anos, o cooperativismo galego deu un salto cualitativo no que se refire á súa presenza no ámbito institucional. Unha posición que non sería posible sen todo o traballo previo de cooperativas e outras entidades de economía social por facer ver a necesidade de darlle visibilidade, tela en conta á hora de tomar decisións ou de crear leis. Vostede foi vicepresidente de CEPES, desde ese papel, como foi o cambio desde os órganos de goberno para a economía social?
Anos despois de volver de Sudamérica e integrarme no movemento cooperativo, paso a ser o presidente de Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), na que vivo outra dimensión do cooperativismo. Represento a AGACA no Consello Nacional e, ademais, teño a sorte de estar no Consello de Presidencia das Cooperativas Agro-alimentarias de España, que delegan en min a representación dentro da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES). Tiven a oportunidade de estar en todos os órganos de CEPES e para min foi un fogueo importante, aínda que xa viña precedido pola miña importante experiencia industrial en Sudamérica.
CEPES é a economía social en estado puro. A economía social ten como centro ás persoas, a loita pola igualdade e, por tanto, polo benestar. Non é soamente pensar nas persoas, senón darlle a oportunidade de ser artífices do seu propio desenvolvemento. Este é un factor que moitas veces esquecemos e que creo que é fundamental. Está na liña do éxito do bo facer de CEPES, que non é unha confederación que aglutine sen máis, senón que os que participan teñen un verdadeiro protagonismo. Non podemos ser utópicos, temos que pensar que a economía social é unha economía de benestar e de igualdade para todos, pero tamén de creación de riqueza, de competir nos mercados. Teñen moito que dicirnos as grandes cooperativas de Europa, que nos inspiran moitas decisións.
As cooperativas están moi unidas grazas a CEPES. En Galicia, demos un paso de xigante ao constituír o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal) no que se integra AGACA, Espazocoop, Unión de Cooperativas Galegas, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (CEGASAL), a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) e a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL).
O Foro pola Economía Social Galega é un fito para o sector.
Temos un gran representante da economía social, apaixonado e entregado, que é Celso Gándara, o primeiro presidente de Foroesgal, que está a facer un gran labor integrador. No cooperativismo e a economía social camiñamos cara á intercooperación, pensamos que seremos grandes se nos unimos. A democracia, o espírito aberto, o integrar a todos, aos pequenos tamén para facelos grandes, abordar todos os intereses comúns con responsabilidade compartida, os principios cooperativos son o eixo de toda acción. Insisto moito en que non é soamente para as persoas, é desde as persoas. Eu entendo que a economía é social ou non é economía porque o obxectivo fundamental da economía é chegar a esa igualdade, a esa repartición.
Sempre que falamos de economía, falamos de buscar ese aspecto social, tanto é así que nos están copiando por intereses alleos. Hoxe as grandes empresas crean unha fundación ou un servizo para atender á poboación onde eles móvense. Por que? Porque a marca crece cando se dá este carácter de prol axuda, de favorecer que a riqueza chegue a todos.
Respecto a os poderes públicos, mantemos a nosa independencia e apostamos por colaborar con eles. Temos moi boa relación co Ministerio de Traballo e Economía Social e conseguiuse a base de transparencia, de vernos por un combate nobre, de buscar horizontes novos.
Priorizar a persoa sobre o capital e o compromiso co territorio son dous principios inalienables do cooperativismo. O cooperativismo é dos socios e os socios están afincados nun territorio moi concreto. Neste sentido, ao que máis me dediquei estes últimos anos dentro da economía social foi ao reto demográfico. Ao participar no grupo de traballo de CEPES que se ocupa este tema puiden traballar con xente de toda España. O reto demográfico está sobre a mesa e que temos que abordalo con prontitude se non queremos facer desertos do noso territorio.